Iniciar un espazo de escritura é algo íntimo, persoal pero que á vez queres compartir polo menos con outra persoa. Escribir é construír algunha memoria, algúns recordos, algunhas ideas e algunhas conclusións. Son as dunha, o cal non quere dicir máis que iso.
Empecei a escribir con 12 anos, seguín até máis ou menos os 25 en cadernos, servilletas. Queimeino todo, nunha cheminea, o día de San Juan de non lembro que ano.
Agora volvo escribir, cústame máis.
Empezo nas miñas orixes, non teño outro modo de facelo.
Hoxe, 5 de setembro, estou aínda no meu pobo, San Sadurniño, transitando cara á rutina facendo marmelada de figo, recollendo castañas (si, castañas, xa hai castañas, alucinante non?) mentres inicio de novo co meu traballo e a emoción de todos os anos de estrear unha axenda.
As miñas notas hoxe son sobre o Chanfaina Lab, un encontro de cineastas que organiza Manolo González e o seu equipo apoiado polo Concello de San Sadurniño. que recibiu xa numerosos premios así como recoñecementos polas súas boas prácticas. Non é un proxecto novo. É un proxecto que responde os retos políticos do momento.
Aínda que o sigo desde a súa creación este ano puiden estar un pouquiño máis preto e vin un proxecto situado, un laboratorio que sucede nun contexto rural dun Concello de menos de 3000 habitantes que ao longo do seu oito edicións puxo luz sobre a nosa memoria, a nosa historia e as nosas xentes.
Vin un proceso que xera un contexto para que maiores e pequenos poidan dar luz a ideas e procesos creativos involucrando a veciñas e veciños que descubriron, grazas ao Chanfaina, a súa creatividade e o seu interese cinematográfico.
Vin un equipo de xente que coida e acolle a invitadas e invitados locais e outros que veñen de moitos lugares de Galicia, para compartir saberes, experiencias, obras pero sobre todo para facer as súas pezas no Concello de San Sadurniño durante os días do Festival.
Un grupo de xente composto por políticos, técnicos municipais, equipo de festival e outras persoas do pobo axudan a que os equipos de rodaxe no que necesitan: localizar territorio, buscar documentación, identificar persoas informantes, todo un proceso de investigación intensivo prodúcese durante eses días, sobre diferentes temáticas e os lugares distintos pero cun elemento común: o pobo.
Este ano a miña filla Valentina e a súa amiga Lucía quixeron participar facendo unha película, lonxe de sentilo como algo complexo desde a organización acóllenas como a un cineasta máis porque o queren é activar ás xentes máis novas. A linguaxe audiovisual é quizá hoxe una das ferramentas máis potentes para penetrarse no mundo, relacionarse con el, deixarse sorprender polas historias, a paisaxe, as memorias, as xentes etc. para vivir experiencias, atravesar prácticas, xerar coñecementos e dar renda solta ás creatividades?
Vivindo.